Dia Internacional do Patrimonio Mundial

Día Internacional do Patrimonio Mundial

O Día Internacional do Patrimonio Mundial conmemora este ano o seu 45 aniversario. A UNESCO pretende así facernos reflexionar sobre a importancia dos bens culturais e da súa vulnerabilidade, e da necesidade de esforzarnos na súa protección e conservación.

Ao lado de grandes monumentos como a Catedral de Santiago ou as Murallas de Lugo a UNESCO estende a súa protección e defensa a outro patrimonio máis inmaterial como as festas, as tradicións e as artes.

O Arquivo da Real Academia Galega, escolle para conmemorar este día un documento que reúne varios significados salientables: a arte do debuxo, a cultura do teatro e a defensa da nosa lingua; pero sobre todo é relevante pola súa importancia á hora de recuperar a memoria do patrimonio galego.

 

Benvidos a Elsinor!!!

Cómpre anunciar, querido lector, que nos estamos a referir á fortaleza inexpugnable do incerto señor Don Hamlet, Príncipe de Dinamarca, a cal, se o vento nos permite, tentaremos amosar como boamente poidamos, con estes refugallos que o xentil Don Céfiro Do-norte tivo a boa vontade de deixarnos en custodia; así, e despois de case 59 anos, terá vostede a posibilidade de mirar o que nesta institución centenaria se atopa desde aquela pretérita época…


Estes debuxos, realizados por Claudio Varela, foron empregados para o atrezzo na estrea da obra de Cunqueiro O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca que, co berro das verbas que encabezan este escrito, foi presentada polo Teatro da Cámara da Asociación Cultural Iberoamericana no Teatro Colón da Coruña, o 31 de agosto de 1959, baixo a tutela de Antón Naveyra. Nesta estrea tamén participou un novo poeta que sería chamado Antón Avilés de Taramancos.

Esta "peza en tres xornadas, na que se representan as súas dúbidas e morte (de Hamlet), e se da varia noticia doutras xentes" converteuse inmediatamente nun fito da dramaturxia galega e universal. A obra foi escrita polo xenial mindoniense no outono de 1958, e rompe con principios temáticos tan característicos da época -a España da posguerra- como o costumismo, ou con aspectos sociais sen maior relevancia, para entroncar de pleno con correntes europeas como o existencialismo, o simbolismo ou o absurdo. Velaí a súa importancia.

Estes bosquexos poñen de relevo as partes máis importantes da obra, como o castelo de Elsinor e o lugar da morte de Hamlet, tratando de representar o excelente mundo imaxinario en que se desenvolve esta abraiante peza metaliteraria ou metateatral que é Hamlet shakesperiano, do que o pancronista Cunqueiro recolle o mito, o "feito Hamlet", para imprimirlle unha nova visión próxima ao seu tempo e ao sentir galego.

Claudio Varela, autor dos anteditos bosquexos, naceu e morreu na mesma cidade, A Coruña. Estudou na Escola de Arte e Oficios Artísticos, e foi pintor do Teatro de Cámara da Asociación Cultural Iberoamericana. Tamén deseñou varios decorados para o Ballet Galego Rei de Viana; ademais de ter unha modesta produción en verso e de crítica de arte. A importancia das súas montaxes foi tal que as repetiron no ano 1963.

A aceptación dunha obra destas características -alta literatura en galego- constituíu todo un éxito, considerando o contexto sociopolítico e cultural da época (os censores apropiábanse dos textos que puidesen ser perigosos para o réxime franquista). Tamén hai que ter en conta que é unha das primeiras obras escritas e representadas integramente en galego durante o franquismo, nun dos principias teatros dunha das cidades de maior importancia en Galicia, o cal supuxo un pulo fundamental para os primeiros andares da recuperación do noso patrimonio cultural a partir dos anos 60, nun proceso imparable que continuaría ata os nosos días; e esperamos que perdure no futuro en todo o seu esplendor.

Parafraseando a don Álvaro : "pode un home, ó mesmo tempo, ser e non ser?".

Poden descargar o .pdf completo na seguinte ligazón

Axenda de actos Ver todos
Martes 21 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Mércores 22 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Xoves 23 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Sábado 2 de decembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Marina Mayoral como académica de honra da RAG

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar