Francisco Añón é un dos precursores do Rexurdimento literario galego.

1 de 3
Capa de "Poesias Galegas", editada por Lar.

2 de 3
Capa de "Poesías", editada por Carré Aldao en 1920.

3 de 3

Francisco Añón

Biografía


Precursor do noso Rexurdimento, Francisco Añón Paz destaca pola súa obra poética, compilada de maneira póstuma, ademais de exercer como xornalista colaborando en numerosas publicacións.

Naceu o 9 de outubro de 1812 na aldea de Boel, concello de Outes. Fillo dunha familia acomodada, ingresou, xa en 1829, no seminario de Santiago de Compostela, onde non chegou a ordenarse sacerdote malia ter cursado cinco anos de formación teolóxica. Logo iniciou os seus estudos de Xurisprudencia, que finalizaría en 1843. Nesta etapa comezou a súa relación co movemento provincialista e o seu labor como poeta e xornalista. Membro da Academia Literaria de Santiago, publicou diversos artigos e poemas en El idólatra de Galicia, voceiro desa institución. Entre eles é salientable o poema "Recordos da infancia" (1845), considerado a súa composición máis lograda.

No ano da sublevación militar contra Narváez, 1846, Añón establécese en Lisboa. Posteriormente reside en Francia, Italia e finalmente en Sevilla, ata fixar en 1857 a súa residencia en Madrid. Nesta cidade colabora en diversas publicacións periódicas e retoma o contacto con Galicia. Así, en 1861, participa nos primeiros Xogos Florais co poema "A Galicia", única composición en galego premiada no certame. Tras breves estadías en Lisboa e en Compostela, regresa a Madrid en 1869. Durante uns meses traballa no Ministerio de Graza e Xustiza; e en 1875 é presidente da asociación La Galicia Literaria, que pretendía reunir e dinamizar a intelectualidade galega residente en Madrid. Con todo, Añón pasou os seus últimos anos sumido na miseria. Morreu en Madrid o 20 de abril de 1878 e alí foi soterrado no Cemiterio Norte, mais os seus restos desapareceron co tempo nunha foxa común.

Ao longo da súa vida, Añón escribiu poesía en galego, castelán e portugués. A súa produción encóntrase espallada en xornais, ou ben conservada por amigos e parentes aos que lles dedicou poemas inéditos. Tras o seu pasamento, os seus contemporáneos comezan o traballo de recoller a súa obra. No mesmo ano da súa morte publicouse, co título Poesías varias, a súa primeira colección política no xornal vigués La Concordia e, en 1966, viron a luz diversas antoloxías poéticas. A maior parte dos poemas de Añón son composicións de circunstancias, cargadas de humor e de sátira. Non obstante, considérase o mellor expoñente da súa obra aquela produción en que canta a Galicia como patria da infancia e lembra os costumes galegos. Curros Enríquez consideraba a Añón como "vello mestre" e identificábase coas súas ideas progresistas e anticlericais, polo que o escolleu como guía no seu Divino Sainete.

Ana Isabel Boullón Agrelo sobre Francisco Añón.

Obra


- Poesías. A Coruña: Andrés Martínez, 1889.
- Poesías Galegas. A Coruña: Lar, 1828. 2ª edición.
- Poesías Galegas. Vigo: Galaxia, 1966.
- Poesía en galego. Noia: Sementeira, 1989.

Sobre o autor e a súa obra

- BEL ORTEGA, F.
Vida e obra de Francisco Añón. A Coruña: Fundación Barrié de la Maza, 1991.
- BLANCO FERNÁNDEZ, R. e NIETO ROMARÍS, S.
Francisco Añón: unha aproximación didáctica. Noia: Toxosoutos, 2005.
- LÓPEZ DE SERANTES, X.
Vida e morte dun poeta: biografía de Francisco Añón Paz (1812-1878). A Coruña: Venus Artes Gráficas, 1986.