A poesía de Noriega Varela está inspirada na contemplación da natureza e do mundo labrego.

1 de 5
Noriega forma parte xunto con Cabanillas e outros da chamada "Xeración antre dous Séculos".

2 de 5
A pesar da súa ideoloxía fondamente conservadora, nos seus anos mozos Noriega Varela estivo vinculado co movemento agrarista.

3 de 5
Detalle da portada de "Do ermo" editado pola RAG en 1969. Este libro tería unha grande influencia en autores como Díaz Castro ou Iglesia Alvariño.

4 de 5
Detalle da capa de "Montañesas", título durante as dúas primeiras edicións de "Do ermo". Publicado en Mondoñedo en 1910. Biblioteca da RAG.

5 de 5

Antonio Noriega Varela

Biografía


Antonio Noriega Varela foi un relevante investigador do noso léxico, así como xornalista e poeta de ideoloxía conservadora, que pertenceu, no ámbito literario, á denominada "Xeración de antre dous séculos", protagonizando, xunto con Ramón Cabanillas e outros, a transición da poesía galega do século XIX á do século XX.

Naceu en Mondoñedo o 19 de outubro de 1869. Aos catorce anos iniciou a carreira eclesiástica no seminario da vila natal. Alí chegou a ser popular grazas á súa habilidade para idear composicións de carácter humorístico e satírico, e comezou a escribir poemas en castelán. Tras abandonar a carreira eclesiástica, fíxose mestre. En 1901 empezou a exercer a docencia en Foz, onde entrou en contacto co agrarismo e o movemento anticaciquil da man de Antón Villar Ponte. Con esta convicción colaborou na revista satírica Guau...Guau!, para a cal escribiu varios poemas de corte cívico.

Debido á súa vinculación coas actividades agraristas, foi trasladado forzosamente a Calvos de Randín, a carón da fronteira con Portugal, e, posteriormente, a Trasalba. Neste último destino trabou amizade con Otero Pedrayo e outros integrantes da xeración Nós. Grazas ás lecturas que lle ofrecía a extensa biblioteca do pazo de Trasalba, propiedade de Otero Pedrayo, Noriega coñeceu en profundidade a literatura portuguesa, que deixaría unha importante pegada na súa obra.

Con 57 anos instalouse en Abadín e retomou os contactos da mocidade. Alí foi nomeado membro da Real Academia Galega, en 1927, e, un ano despois, deu ao prelo Como falan os brañegos, compilación de ditos, frases e adiviñas populares, froito da boa relación que Noriega mantiña cos labregos da zona. En 1930, por motivos de saúde, solicitou un traslado a Viveiro, o seu derradeiro destino como docente.

En 1904 publicou o seu primeiro libro, Montañesas, que a partir da 3ª edición tería por título D'o ermo (1920) e que se vería aumentado ata a súa edición definitiva en 1946. Trátase dunha obra costumista en que abundan as composicións líricas sobre a vida dos labregos e de diálogo coa natureza. A súa achega máis orixinal son os poemas franciscanos, onde o eu lírico procura rescatar a esencia máis pura e sinxela da natureza. Publicou tamén unha escolma de cantigas populares na honra da Virxe María: A Virxe e a paisanaxe (1913).

Co tempo, Noriega foise afastando dos principios políticos do movemento agrario, chegando a apoiar, durante a guerra civil, o bando franquista. Nesa época, o poeta incrementou a produción en castelán, e, ata a morte, que tivo lugar en Viveiro o 27 de marzo de 1947, viviu unha etapa de fondo pesimismo. A súa produción reflicte con fidelidade as crenzas tradicionalistas e conservadoras que o mantiveron afastado do galeguismo.

Henrique Monteagudo sobre Noriega Varela.

Obra


- D'o ermo. Ourense: Antonio Otero, 1920.
- Como falan os brañegos. Serie I: locucións, frases, modos adverbiás, unha leria pr'os rapaciños, refráns, cantares i-adiviñanzas. A Coruña: Nós, 1928.

Compilacións e estudos sobre o autor

- DIÉGUEZ, T.
Noriega Varela, cantor da montaña (1869-1947). Lugo: El Progreso de Lugo, 2003.
- FERNÁNDEZ DEL RIEGO, F. (ed.)
Poesía. Vigo: Edicións Xerais, 1991.
- FREIXEIRO MATO, X. R.
A cara oculta de Noriega Varela. Biografía e textos esquecidos. Santiago de Compostela: Laiovento, 1992.
- FREIXEIRO MATO, X. R.
Da montaña ao corazón: produción literaria e lingua en Noriega Varela. A Coruña: Fundación Caixa Galicia, 1993.
- FREIXEIRO MATO, X. R.
Antonio Noriega Varela: estudio e edición da obra completa. Lugo: Deputación Provincial, 1994.
- IGLESIA ALVARIÑO, A. (ed.)
Noriega Varela, poeta da montaña. Vigo: Galaxia, 1969.