A paisaxe da Costa da Morte é un tema recorrente na poesía de López Abente.

1 de 3
Coa derrota da República, López Abente perdeu o seu posto como xuíz municipal suplente.

2 de 3
Fragmento dun poema manuscrito de López Abente. Arquivo RAG.

3 de 3

Gonzalo López Abente

Biografía


Gonzalo Francisco López Abente foi un escritor que cultivou o xornalismo, a narrativa, o teatro e a poesía, xénero en que a súa escrita brillou especialmente, con libros de poemas caracterizados pola sinxeleza e o intimismo que literaturizaron, unha vez máis, a contorna da Costa da Morte.

Naceu en Muxía o 24 de marzo de 1878. Tras estudar o bacharelato e a carreira de Dereito en Compostela, viaxou por Francia, Bélxica e Holanda, para logo instalarse definitivamente na vila natal, onde traballou como funcionario da banca. Mais este oficio non lle impediu relacionarse cos fenómenos políticos e culturais do seu tempo. Así, ocupou a dirección da Irmandade de Amigos da Fala de Muxía, colaborou en Ronsel, Nós, Rexurdimento, El Noroeste, A Nosa Terra, e participou en empresas culturais como a Colección Lar ou o Seminario de Estudos Galegos. Co triunfo do bando franquista, foi depurado do seu traballo como xuíz municipal suplente. O día 23 de xullo de 1963 falecía na vila onde nacera.

A súa produción poética sitúao na escola do "poeta da raza", xunto a Ramón Cabanillas, cos libros Escumas da ribeira, Alento da raza e D'Outono. Posteriormente, chegaron composicións máis depuradas, de estrutura máis sinxela e carácter intimista, como Nemancos, Centileos nas ondas ou a obra póstuma Decrúa.

Como narrador gañou en 1919 a única edición do Premio de Literatura d'A Nosa Terra coa novela O Diputado por Veiramar. Nesta obra deixou constancia das súas inquietudes sociais, como tamén o fixo noutras novelas curtas, como O escándalo e O novo xuez. Coa intención de contribuír a unha literatura popular e accesible, publicou dúas narracións sobre un trío amoroso: Buserana e Fuxidos. Fixo unha única incursión na novela longa, con Vaosilveiro; e outra no teatro: o 20 de febreiro de 1921 estreou María Rosa, correndo a representación a cargo do Cadro de Declamación das Irmandades da Fala da Coruña.

Xosé María Lema Suárez sobre López Abente.

Obra


Narrativa

- O Diputado por Veiramar. A Coruña: Imprenta Nova, 1919.
- O novo xuez. Ferrol: Céltiga, 1922.
- Buserana. A Coruña: Lar, 1925.
- Fuxidos. A Coruña: Lar, 1926.
- Vaosilveiro. A Coruña: Nós, 1929.

Poesía

- D'Outono. A Coruña: Ronsel, 1924.
- Nemancos. A Coruña: Nós, 1929.
- Centileos nas ondas. Vigo: Galaxia, 1958.
- Decrúa. Bos Aires: Edicións Muxía, 1966.
- Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca: poesías inéditas. A Coruña: Real Academia Galega, 1971.
- VILLAR, M. (ed.)
Bretemada. Lugo: Alvarellos Editora, 2011.

Teatro

- María Rosa. Comedia en dous pasos. A Coruña: Nós, 1928.

Ensaio

- A terra e a poesía de Pondal: discurso presentado na sesión extraordinaria celebrada no Paraninfo da Universidade Literaria de Santiago de Compostela o día 27 de xullo de 1941. A Coruña: Real Academia Galega, 1965.

Sobre o autor e a súa obra

- CARVALHO CALERO, R. (ed.)
Lembraza de Don Gonzalo López Abente no Día das Letras Galegas. Santiago: Universidade, 1971.
- VILLAR, M. (ed.)
Antoloxía poética. A Coruña: Espiral Maior, 1995.