Losada Diéguez tivo unha participación destacada nas Irmandades da Fala e no Seminario de Estudios Galegos.

1 de 2
Detalle dunha carta de Losada a Antón Villar Ponte.

2 de 2

Antón Losada Diéguez

Biografía


Nado en Moldes (Boborás) o 22 de decembro de 1884 e finado en Pontevedra o 15 de outubro de 1929, o intelectual e ensaísta Losada Diéguez foi un dos membros fundamentais da Xeración Nós.

Fillo de Miguel Losada Losada e Carmen Diéguez Arias, o seu entorno familiar procedía da fidalguía e caracterizábase por unha profunda ideoloxía tradicionalista e católica. Os seus primeiros estudos realizounos interno nos xesuítas na Guarda, posteriormente licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Deusto e, ademais, cursou Dereito en Santiago de Compostela entre 1902 e 1903. No ano seguinte, trasladouse a Madrid para facer o doutoramento en Filosofía e Letras. Principia nestes anos a súa vocación literaria e a súa implicación política. Así, a partir de 1907 visita con frecuencia Galicia e participa no movemento agrario, colaborando na fundación de sindicatos agrarios. Xa en 1910 traslada a súa residencia a Galicia e comeza a traballar como profesor auxiliar na Universidade, a carón de Armando Cotarelo Valledor. Antes de viaxar a Madrid en 1911 para preparar as oposicións á cátedra de Psicoloxía, Lóxica Ética e Rudimentos de Dereito, foi elixido en Galicia secretario da Xunta Tradicionalista de Santiago de Compostela.

Aprobada a oposición, fíxose cunha praza en Ourense en 1913, o que lle permitiu achegarse aos homes do cenáculo ourensán, ao tempo que remataba os seus estudos de Dereito en Santiago. En 1915 casou con Albina Espinosa e, dous anos despois, aconteceu un feito fundamental na súa traxectoria: o ingreso nas Irmandades da Fala. Losada Diéguez rescatou a Irmandade de Ourense da inactividade á que a levaran os sectores máis conservadores, favorecendo o desenvolvemento do galeguismo e fundando o xermolo da Xeración Nós. No ano 1919 efectuouse o seu traslado a Pontevedra, onde continuou activamente a súa militancia galeguista, sen esquecer o seu labor como propagandista católico, sendo presidente da Acción Católica e impulsor da introdución do galego na liturxia. O seu talante sempre a prol da converxencia levouno a presidir a I Asemblea Nacionalista de Lugo, en novembro de 1918, a fundar a revista Nós, en 1920, xunto a Vicente Risco e Arturo Noguerol e a participar da formación da Irmandade Nazonalista Galega, en 1922, sendo o seu Conselleiro de Espallamento durante un ano, aínda que a súa vontade de reunificar o galeguismo non triunfou. Converteuse, tamén, nun destacado membro do Seminario de Estudios Galegos, ao que accedeu en 1924.

Chegada a ditadura de Primo de Rivera, Losada tomou posesión como deputado provincial de Pontevedra, pero xa a comezos de 1925 presentou a súa dimisión. No entanto,continuou implicado na cidade como presidente fundador da Coral Polifónica de Pontevedra e do Club de Fútbol Eiriña. No que atinxe á súa produción, publicou unha serie de contos en revistas como Nós ou Alborada, así como pezas teatrais e poemas e un breve escrito de ton filosófico: "Teoría cuasi trascendental da velocidade". A súa obra, composta fundamentalmente de ensaios, foi compilada e publicada en 1985 baixo o título Obra completa.

A súa prematura morte aos corenta e cinco anos aconteceu en Pontevedra, no ano 1929.

Manuel Caamaño sobre Losada Diéguez.

Obra


Edicións

- A Domeadora. A Estrada: Edicións Fervenza, 2005. 
- Na estrada da vida. A Estrada: Edicións Fervenza, 2006. 
- Os que soñan. A Estrada: Edicións Fervenza, 2006. 
- Virilidade: ensaio cómico, orixinal e en prosa. A Estrada: Edicións Fervenza, 2006.

Escolmas

- Beramendi González, Justo (ed.).
Obra completa. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 1985. 
- Filgueira Valverde, X. (ed.).
Antón Losada Diéguez. Escolma. A Coruña: Real Academia Galega, 1985.  
- Filoloxía Galega, Departamento (ed.).
Antoloxía de Antonio Losada Diéguez: Día das Letras Galegas 1985. Santiago de Compostela: Universidade, 1985.
- Ponte Far, José Antonio (coord.).
Antón Losada Diéguez (1884-1929). A Coruña: La Voz de Galicia, 2010.  

Sobre o autor

- O CARBALLIÑO, CONCELLO (ed.)
Homenaxe a Antón Losada Diéguez: centenario 1884-1984. O Carballiño: Concello, 1984.
- REGUEIRA VARELA, R. (ed.)
Antón Losada: Teoría e Praxe. Ourense: Galiza Editora, 1984.