Luís Seoane exiliouse en Bos Aires co estoupido da Guerra Civil, converténdose nun dos piares do movemento cultural galego no exterior.

1 de 5
Seoane viviu no exilio, en Arxentina, desde 1936 ata 1963: case trinta anos de traballo intelectual diverso que hoxe constitúen un legado fundamental.

2 de 5
A diversa e prestixiosa produción plástica de Seoane, a carón da literaria e a xornalística, brindoulle relevante sona xa nos anos 50.

3 de 5
A Biblioteca Luís Seoane constitúe un dos fondos máis importantes da Academia e un testemuño da súa fonda e variada curiosidade intelectual e artística.

4 de 5
Detalle dun libro da Biblioteca Luís Seoane co seu ex libris.

5 de 5

Luís Seoane

Biografía


Nado en Bos Aires o 1 de xuño de 1910 e finado na Coruña o 5 de abril de 1979, Luís Seoane constitúe un dos máximos expoñentes da nosa literatura no exilio. Compaxinou o seu labor de escritor e xornalista comprometido coa produción plástica, que lle deparou importante sona.

No ano 1916 instalouse na Coruña onde, uns anos despois, cursou os estudos de Bacharelato. Posteriormente trasladouse a Compostela, onde se matriculou en Dereito. Nesta cidade mergullouse no ambiente das Irmandades da Fala e da Xeración Nós, contactando cos novos escritores vinculados ás vangardas. Comezou a perfilar, xa que logo, a súa vocación artística, ilustrando libros, e a súa ideoloxía: un galeguismo de esquerdas que o levará a militar na Federación Universitaria Escolar.

Des 1931 a 1936 exerceu como avogado laboralista na Coruña, ingresou no Partido Galeguista e participou na campaña a prol do Estatuto de Autonomía. Co estoupido da guerra civil mantívose agochado ata setembro de 1936, momento no que se exiliou en Bos Aires, onde se converteu nun dos piares do movemento cultural galego. A partir de entón comezou a desenvolver os seus traballos pictóricos e, asemade, dirixiu a revista Galicia. Ademais, puxo en marcha diversos proxectos editoriais coa fin de manter vivo o galeguismo, facendo desde Arxentina aquilo que estaba prohibido en Galicia: prensa galeguista, publicacións de novos títulos ou exposicións. Foi promotor de revistas como Cuco-Rei, Galicia Libre; Galicia Emigrante, que anos despois se convertería en programa radiofónico. Tamén participou da creación da imprenta Resol, en Santiago de Compostela, e de editoriais como Citania e Botella al mar. Nos anos cincuenta era xa un artista plástico consolidado, cunha prestixiosa colección de gravados, litografías, óleos, murais e mesmo cerámicas. Neste punto, decidiu iniciarse na literatura, considerándoa un medio axeitado para espallar o seus ideais políticos e facelos accesibles para as clases populares.

En 1963 volveu a Galicia e incorpórase de maneira activa ao movemento de reactivación da nosa cultura. Así, participou no nacemento do Laboratorio de Formas de Galicia xunto a Isaac Díaz Pardo.

Luís Seoane faleceu na Coruña o 5 de abril de 1979. No ano 2010 conmemorouse o centenario do seu nacemento.

Xosé Fernández Ferreiro sobre Luís Seoane.

Obra


Debuxante, gravador, deseñador de libros e de obxectos, cartelista, pintor… O legado de Seoane como artista gráfico é fundamental. Luís Seoane é un dos artistas plásticos máis relevantes da nosa historia. A súa obra, extensa e diversa, reflicte o seu amor por Galicia e o seu enorme talento. Expuxo boa parte da súa produción en Bos Aires, Bruxelas, Hamburgo, Londres, México, Montevideo, Nova York ou Venecia.

No se que refire á súa obra escrita, conta con títulos en galego e en castelán. Vexamos, a continuación, a súa obra literaria en lingua galega:

Poesía

- Fardel d'eisilado. Bos Aires: Ánxel Casal, 1952.
- Na brétema, Sant-Yago. Bos Aires: Botella al mar, 1956.
- As cicatrices. Bos Aires: Citania, 1959.
- A maior abondamento. Bos Aires: Cuco-Rei, 1972.

Ensaio

- Eiroa. Vigo: Galaxia, 1957,
- Castelao artista. Bos Aires: Alborada, 1969.
- Textos sobre arte galega e deseño. Vigo: A Nosa Terra, 1994.

Gravados e debuxos con textos literarios

- Homaxe a un paxaro. A Coruña: Ediciós do Castro, 1969.
- Retratos de esguello. A Coruña: Ediciós do Castro, 1968.
- O meco. A Coruña: Ediciós do Castro, 1963.
- O conde asesino de Sobrado. A Coruña-Bos Aires: Cuco-Rei, 1971.
- Comunicacións mesturadas. Vigo: Galaxia, 1973.
- Figuraciós. A Coruña: Ed. de Lino Braxe e Xavier Seoane, 1990.

Sobre o autor

- VARELA, L.
Seoane. Bos Aires: Botella al mar, 1948.
- CID CABIDO, X.
Seoane: 1910-1979, una fotobiografía. Vigo: Xerais, 1994.
- VILLARES, R. (ed.)
Emigrante dun país soñado: Luís Seoane entre Galicia e Arxentina: actas do Congreso Internacional Luís Seoane "Galicia-Arxentina, unha dobre cidadanía". Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2011.