Poeta, xornalista e, sobre todo, lexicógrafo, a Eladio Rodríguez debémoslle un dos dicionarios de referencia da nosa lingua coñecido co nome do seu autor: "o Eladio".

1 de 4
Eladio Rodríguez participou activamente na vida cultural do seu tempo e da súa cidade, A Coruña.

2 de 4
Eladio Rodríguez foi un dos membros fundadores da Academia e presidente da institución entre 1926 e 1934.

3 de 4
Fragmento dun poema manuscrito de Eladio Rodríguez.

4 de 4

Eladio Rodríguez González

Biografía


Naceu en San Clodio, no concello de Leiro, provincia de Ourense, o 24 de xullo de 1864 e morreu na cidade da Coruña o 14 de abril de 1949. Desenvolveu labores de xornalista, poeta e lexicógrafo galego. Foi, ademais, membro fundador da Real Academia Galega e tamén o seu Secretario.

Eladio Rodríguez comezou a súa carreira exercendo de mestre na súa vila natal ata que en 1887 se trasladou á Coruña, desde onde levou a cabo o seu traballo cultural a prol do engrandecemento da lingua galega, moi especialmente desde o punto de vista léxico. Porén, a súa visión da paisaxe e das formas de vida do Ribeiro acompañárono en toda a súa produción ora xornalística, ora poética. A carón da súa desinteresada dedicación á lingua e á cultura de Galicia, entre 1888 e 1937 exerceu como funcionario municipal da cidade herculina.

Como xornalista, a súa traxectoria non deixa de estar intimamente relacionada co seu compromiso coa cultura, afondando na defensa dunha lingua literaria galega desprovista de castelanismos na que se recuperan elementos esquecidos da cultura tradicional. Colaborou en xornais e publicacións como Revista Gallega, formando parte do seu consello de redacción; Galicia; O Tío Marcos da Portela; Galicia Moderna, revista galega publicada en Cuba; La Mañana, publicación fundada en 1888 da que foi director; Alfar; A monteira; A Nosa Terra; Suevia ou Vida Gallega. Participou, tamén, na creación de El Noroeste, xornal rexionalista de corte católico do que tamén foi director. É especialmente relevante a súa responsabilidade na creación, de "Terra A Nosa", o suplemento literario de El Noroeste, non só porque nel se podían ler algunhas das voces máis lúcidas da cultura galega da altura –Vicente Risco, Carré Aldao, Carballo Calero ou Francisca Herrera Garrido-, senón tamén porque foi o antecesor de sucesivas iniciativas frutíferas para a literatura galega, especialmente para a poesía. Así, o 17 de setembro de 1918, sendo xa membro das Irmandades da Fala, Eladio Rodríguez González presentou, tamén como director, "Nós", o novo suplemento de El Noroeste que viña substituír "Terra A Nosa" e cuxa pretensión era a de acoller a todos os poetas en lingua galega elaborando, así, unha sorte de antoloxía totalizadora. O seu lema, "Na xuntanza está a forza e na forza está o triunfo", amosa a súa intencionalidade xaora nacionalista.

Como recoñecido poeta e home de cultura activo na cidade que o acolleu, fundou en 1904, canda outros xornalistas locais, a Asociación de la Prensa coruñesa, participou dos faladoiros da Cova Céltica na Librería Regional de Carré Aldao, da Irmandade da Fala da Coruña desde 1916, da Real Academia Provincial de Belas Artes e, como bibliotecario da Reunión Recreativa de Artesanos da Coruña, elaborou o catálogo da biblioteca con máis de 3.300 obras científicas, literarias e musicais que foi publicado en 1901. Asemade, foi membro do Instituto Histórico do Minho, creou e presidiu o coro musical Cantigas da Terra desde xullo de 1917 e pertenceu á Liga Galega da Cruña desde 1897. Nestas organizacións, de índole cultural e tamén político, coincidían a maior parte das personalidades coruñesas preocupadas polo nome de Galicia –Carré Aldao, Salvador Golpe ou Galo Salinas-, favorecendo, así, un ambiente fecundo para a produción, o pensamento e a organización de novas iniciativas como aquela que decidiu homenaxear os Mártires de Carral. Eladio Rodríguez González, a carón doutros compañeiros rexionalistas de signo progresista, participou da comitiva, liderada por Murguía, que homenaxeou os Mártires de Carral o 23 de abril de 1899. Asemade, o noso homenaxeado foi un dos 41 membros fundadores da Real Academia Galega; institución da que foi Secretario do 27 de xaneiro de 1920 e ata o 20 de novembro de 1916, baixo as presidencias de Manuel Murguía, Martínez Salazar e Ponte Blanco. Tivo oportunidade, tamén, de exercer como Presidente desde o 20 de novembro de 1926 e ata o 4 de marzo de 1934; ano no que renunciou a este posto por motivos de saúde. Posteriormente, retomou esas funcións desde o 19 de xuño de ata o 15 de outubro de 1944. Durante a súa presidencia levou adiante algunhas iniciativas de altísimo interese como a decisión de publicar as obras inéditas de Pondal, a celebración do cincuentenario das mortes de Añón e Vicetto ou as recepcións, na Academia, de Vicente Risco e Otero Pedrayo.

En recoñecemento ao seu labor de poeta, xornalista e estudoso incesante da cultura galega, recibiu unha cumprida homenaxe o 9 de agosto de 1917 por parte dos seus compañeiros de traballo e de vocación, co alcalde da Coruña Manuel Puga á cabeza. O seu labor continuou activo e, despois de amosar o seu coñecemento do país redactando "Guía de Galicia para el Turista" no mesmo 1917, ingresou no Seminario de Estudios Galegos, o 24 de abril de 1927, feito que o levou a ser académico correspondente da sección galega da Real Academia Española. Xa na República, en abril de 1932, entre as personalidades e organizacións galeguistas, acordouse celebrar unha Asemblea de Concellos coa fin de nomear unha comisión redactora do anteproxecto de Estatuto para Galicia. Esta Asemblea tivo lugar o 3 de xullo no paraninfo da Universidade de Santiago e foi presidida por Salvador Cabeza de León. Eladio Rodríguez González estivo presente, poñendo de manifesto, como viñera facendo ao longo da súa vida, o seu compromiso con Galicia.

O xornal La Voz de Galicia do 19 de decembro de 1964, un ano despois de instituír o Día das Letras Galegas, presentou unha crónica sobre o acto de homenaxe que a Academia Galega ofreceu a Eladio Rodríguez no centenario do seu nacemento. No acto, que se desenvolveu na Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos da Coruña, tiveron palabras para o académico Sebastián Martínez-Risco e Ramón Otero Pedrayo.

Entre as súas facetas, sobrancea a de poeta. Amosando un excelso domino da métrica e da lingua, as súas producións poéticas enxalzan o mundo rural e os seus costumes, referíndose especialmente ao contexto do Ribeiro, pero tamén o problema da emigración e a súa constante vontade a prol da redención de Galicia. Julio Rodríguez Yordi, nun artigo titulado "Eladio Rodríguez González, místico de la tierra" (en Boletín da Real Academia Galega, t. 27, n.º 309-320 (1956), pp. 432-439) analiza os trazos fundamentais da produción poética de quen fora seu pai, salientando aspectos coma os seguintes:

No es sólo la tierra y sus accidentes geográficos o sus fenómenos meteorológicos lo que inspira su misticismo, sino que lo inmaterial lo excita analogamente. Las voces, el humo, el fuego y las sombras forman parte también de su doctrina mística.

Finalizando o artigo da seguinte maneira:

Y en la lírica gallega, Eladio Rodríguez González sobresale, antes que por otros valores, por su doctrina de amor a cuanto es peculiar de Galicia, que exaltó hasta convertirlo en misticismo.

Foi un poeta premiado e recoñecido ao longo da súa vida con numerosas composicións costumistas cun léxico coidado e recollidas, na súa maior parte, nos seus tres poemarios. Ademais, 20 de setembro de 1917, iniciou en A Nosa Terra a publicación da serie de poemas "Pintores de almas", dedicada a artistas galegos sobranceiros coma Asorey, Castelao, Madariaga ou Sobrino. No entanto, o noso biografado conta tamén cunha grande produción ensaística, publicada en boa medida no Boletín da Real Academia Galega. Aínda así, a que se considera a obra da súa vida, aquela que continúa arrequecendo a nosa lingua hoxe por hoxe é o Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Nesta obra, que consta de 3 volumes e 45.673 entradas, Rodríguez González, introducido por un prólogo de Ramón Otero Pedrayo, ten oportunidade de expoñer o seu vasto coñecemento do idioma e da antropoloxía cultural de Galicia, pois nel achegou unha notable cantidade de refráns e cantigas populares, dotando á obra dun alto valor etnográfico. Malia que o título anuncia un dicionario enciclopédico, non recolle nomes propios nin adoita describir as entradas, polo que nos encontramos máis ben nun dicionario de lingua ou mesmo de uso. O documento orixinal, escrito en cuartillas pola man do autor, encóntrase hoxe na fundación Penzol, mentres que a versión editada non viu a luz ata despois da súa morte.

Grazas ao labor de Galaxia e, en concreto, de Ramón Piñeiro, o 10 de decembro de 1958 deuse ao prelo o primeiro tomo (A-CH); en 1960, o segundo (D-M) e en 1961, o terceiro (N-Z). No ano 1980, Galaxia publicou unha reprodución facsimilar da primeira e edición e, en 2001, co gallo da dedicatoria do Día das Letras Galegas a Eladio Rodríguez González, viu a luz outra reprodución facsimilar da primeira edición.

Manuel González sobre Eladio Rodríguez.

Obra


Libros

- Folerpas: poesías gallegas. A Coruña: Andrés Martínez Salazar, 1894.
- La Cruz Roja: memoria de la Comisión Provincial de La Coruña. A Coruña: Tipografía de El Noroeste, 1902. 
- Raza e terra. Ferrol: Céltiga, 1922.
- Oraciós Campesiñas. A Coruña: Lit. e Imp. Roel, 1927.
- Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Vigo: Galaxia, 1958-1961.

Escolmas e bibliografía parcial sobre o autor

- RODRÍGUEZ HERVADA, A. (ed.)
Antoloxía poética. Sada: Ediciós do Castro, 1997.
- ALONSO MONTERO, X. (ed.)
Escolma de poemas. Vigo: Galaxia, 2001.
-DEP. DE FILOLOXÍA GALEGA, USC (ed.)
Eladio Rodríguez González: Día das Letras Galegas 2001. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, 2001.
- XUNTA DE GALICIA (ed.)
Xornadas sobre Eladio Rodríguez González: actas das xornadas realizadas pola Dirección Xeral de Promoción Cultural en Ourense os días 24 e 25 de maio de 2001. Santiago de Compostela: Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, 2001.
- GARCÍA, C. (ed.)
Escolma. Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 2001.
- GONZÁLEZ MILLÁN, X.
O diccionario enciclopédico de Eladio Rodríguez: a canonización lexicográfica da literatura galega. Vigo: Edicións Xerais, 2001.
- GONZÁLEZ PÉREZ, C.
Eladio Rodríguez González: vida e obra. Noia: Toxosoutos, 2001.
- LAGARES DÍEZ, X.C.
Don Eladio Rodríguez González. Vigo: A Nosa Terra, 2001.
- LIÑARES GIRAUT, X.A. & PUENTES CHAO, A.
Eladio Rodríguez González. Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Promoción Cultural, 2001.
- MARIÑO PAZ, R.
Eladio Rodríguez e a cultura galega. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 2001.
- MONTEAGUDO CABALEIRO, M.T.
Eladio Rodríguez González: funcionario municipal, poeta, xornalista e ilustre lexicógrafo. Vigo: Ir Indo, 2001.
- OTERO FERNÁNDEZ, D.
A vida de Eladio Rodríguez González. Vigo: Galaxia, 2001.
- VARCÁRCEL LÓPEZ, M.
Eladio Rodríguez González: vida e obra. Vigo: Edicións Xerais, 2001.

Artigos publicados no Boletín da Real Academia Galega

"Don José Fontenla Leal, fundador de la Aacademia e iniciador del himno gallego de Pondal y Veiga", t. 12, n.º 136, 1920, pp. 169-174.
"Homenaje en honor de D. Manuel Murguía", t. 12, n.º 137, 1920, pp. 215-217.
"Don Manuel Murguía", t. 13, n.º 150, 1923, pp. 235-241.
"Pastor Díaz en la Poesía y en la Literatura galega", t. 13, n.º 155-156 (1923, pp. 379-384.
"Don Andrés Martínez Salazar", t. 13, n.º 157, 1923, pp. 1-4.
"Don Manuel Lago González, arzobispo de Compostela", t. 14, n.º 161, 1924, pp. 90-101.
"Don Bernardo Rodríguez", t. 14, n.º 163, 1924, pp. 153-154.
"La muerte del Arzobispo de Santiago D. Manuel Lago González", t. 15, n.º 170-171, 1925, pp-50-52.
"Don Ramón García Mon", t. 15, n.º 172, 1925, pp. 73-74.
"Don Florencio Vaamonde", t. 15, n.º 178, 1925, pp. 225-227.
"Letras de luto: D. Juan Barcia Caballero", t. 16, n.º 188, 1926, pp. 177-179.
"Letras de luto: D. Galo Salinas Rodríguez", t. 16, n.º 188, 1926, pp. 179-180.
"Curros Enríquez", t. 17, n.º 193 (1927-1928), pp. 27-29; t. 17, n.º 203, 1927-1928, pp. 307-309.
"Tierra gallega para un panteón gallego en Buenos Aires", t. 18, n.º 216, 1929, pp. 273-278.
"Comarcas gallegas: El 'Ribeiro' de Avia", t. 20, n.º 235-240, 1931, pp. 340-351.
"Nuestro número extraordinario", t. 20, n.º 235-240, 1931, pp. 153-154.
"Don Eugenio Carré Aldao", t. 21, n.º 246, 1933, pp. 121-124.
"El primer centenario del nacimiento de D. Manuel Murguía", t. 21, n.º 248, 1933, pp. 169-172.
"Don José Iglesias Roura", t. 19, n.º 228, 1930, pp. 273-274.
"Don José García Acuña", t. 21, n.º 250, 1933, pp. 217-219.

Outros artigos

"Os orfos da emigración", 1887.
"Desperta", 1891.
"Sombras", 1915. premiado en Lugo.
"Paisaxes", 1916. Primeiro premio do Certame Literario de Santiago de Compostela.
"¡Malpocado!" e "Alma de raza", 1918, premiados no Certame Literario de Lugo.
"Oracións campesiñas", 1926, Premio de Honra nos Xogos Florais de Santiago
"A orillas del Avia", Galicia humorística, t. 1, n.º 6, 30 de marzo 1888, pp. 170-172.